252776

Unha persoa que ten ben desenvolvida a súa competencia pragmática no uso da lingua sabe como convencer os demais. O uso da linguaxe Para comunicármonos eficazmente precisamos máis coñecementos ca a lingua que dominamos. Xa falamos de que nos axudamos dos acenos para expresar máis afinadamente o que pensamos. Pero ademais son precisos outras destrezas e uns coñecementos sobre o mundo. No primeiro caso, cómpre ter en conta o contexto comunicativo, definido por: Que pretendemos do noso interlocutor?, que nos informe sobre algo?, que faga unha tarefa?, queremos contarlle algún suceso? Que relación temos con el? É un amigo, un familiar, un descoñecido? Canta información compartimos sobre o asunto?, canto sabe do tema? Está ao noso lado?, falamos por teléfono?, vemos as mesmas cousas? En que ambiente se produce o acto comunicativo?, na casa?, no instituto? Todos estes factores importan, porque determinan a forma que toma o enunciado. Non resulta o mesmo enunciado se os interlocutores saben por igual de que están a falar ou se só un deles domina o tema. Non é igual un enunciado que pretende influír na conduta do interlocutor se os participantes son dous amigos ou se son pai e fillo. Para poder producir e descodificar enunciados cómpre ter un coñecemento do mundo compartido e ser capaz de pórse no lugar do interlocutor para saber o que pretende. A competencia comunicativa Moitos dos elementos que constitúen a lingua teñen outra función adherida á de significante de signo: o seu uso non só transmite o noso pensamento, senón tamén a nosa actitude. Isto é posible grazas a que en moitos casos existe máis dun xeito de expresar o mesmo pensamento e a que cada unha desas posibilidades ten un valor social . O pronome eu carece de máis valor social ca o de transmitir o significado 'eu'. O pronome ti, alén de significar 'ti ', indica un certo grao de igualdade; o pronome vostede tamén se refire ao significado 'ti ', pero engade ademais un valor de respecto. O mesmo poderiamos sinalar de moitas outras formas lingüísticas: a palabra mexo significa o mesmo ca ouriños, pero mentres que mexo é unha palabra propia dun contexto informal , ouriños emprégase nun contexto formal . Saber adaptar a lingua ao contexto social en que un se encontra e coñecer os valores atribuídos ás formas lingüísticas denomínase competencia sociolingüística. Por outra parte, ao falarmos debemos ter en conta o que pretendemos do noso interlocutor. Unhas persoas son máis hábiles ca outras convencendo os demais, de modo que conseguen que actúen como elas queren. Ademais, debemos saber cando falar, que cousas podemos dicir e cales temos que calar. Esta capacidade de convencer os demais e saber usar a linguaxe no noso proveito chámase competencia pragmática. Ninguén produce frases illadas. Os nosos enunciados son máis longos e conteñen varias frases entrelazadas, dependen dos que producen os nosos interlocutores e mestúranse con eles, de xeito que van creando un texto, un conxunto de enunciados con sentido completo. Os saberes que nos permiten crear textos denomínanse competencia textual. Finalmente, o coñecemento estritamente lingüístico, das formas lingüísticas e de como se combinan para construír enunciados soltos, denomínase competencia lingüística; abarca a gramática e o vocabulario. A suma de todos estes coñecementos que nos permiten comunicarnos eficazmente chámase competencia comunicativa. 4. 5. 14 F U N C I O N A M E N T O D A L I N G U A

RkJQdWJsaXNoZXIy