Apoiada nun caxato, Fátima lembrou tamén as súas orixes. Ela nacera lonxe, nun país incendiado pola guerra. As bombas caían e moita xente morría. Un día súa nai dixéralle: –Fátima, imos fuxir, habemos buscar un sitio para vivir en paz. Un lugar sen bombas onde poidas volver á escola. Cando marcharan, as rúas e os minaretes da súa cidade eran cascallos. Despois Fátima e súa nai camiñaran moitos días. Ata cruzaran o mar nunha lanchiña inchable. A auga estaba fría e pasaran moito medo, pero a mamá nunca soltara a súa man. Iso déralle esperanza. Acompañáranas reas de persoas. Tiñan fame. Cando chegaran a Europa, Fátima sentírase angustiada. Había europeos que non lle falaban, só por ser de fóra. Tampouco querían que puidese estudar. Talvez odiaban a súa pel escura. A velliña Fátima recorda entón a felicidade que sentira ao ir á escola, logo ao instituto e finalmente á universidade. Ata aprendera a tocar a pandeireta e a bailar a muiñeira. Daquela, aínda había quen vía raro que unha muller que vestía diferente ou que tiña a pel escura puidese ser tan intelixente. Eran outros tempos, a ignorancia, moita, cavila. O caso é que o profesorado quedara abraiado coa capacidade daquela moza para dar respostas a cousas que ninguén soubera resolver. Un dos seus primeiros inventos foran as flores solares. Cada unha era capaz de xerar e almacenar a enerxía que precisaba unha familia e, á par te, eran reciclables e moi baratas de producir. Así que en calquera aldea do mundo medraron aquelas flores que xiraban canda o Sol, iluminando lugares remotos, levando a electricidade a onde nunca a houbera. Pero Fátima non estaba contenta só con aquel invento. O gas que quentaba a atmosfera era o CO2. Por moito que as súas flores axudasen a que este non se producise, era preciso eliminar moito do que xa había. Aquel sería un dos maiores inventos da humanidade. Fátima fixárase no que facían as plantas, que respiraban CO2, así que acabara por idear unha batería que se alimentaba con ese gas contaminante. Aquela batería colocárase nos avións, barcos, trens e autobuses, que ao se moveren ían librando a atmosfera de contaminación. Para construílas, empregara o lixo que producían os seres humanos. Cando lle deran o Premio Nobel, dixeran que Fátima salvara o planeta. Para a cerimonia de entrega do galardón, Fátima vestira co hiyab, aquel pano que levaba súa nai cando fuxiran. Tamén sostiña unha pandeireta galega na man. Quería lembrar o lugar de onde viña e a terra que a acollera. Despois sentira pena das persoas que non quixeran que estudara, só por ser de fóra. Se todo o mundo pensase coma elas, non quedaría nin planeta para vivir nin esperanza que gardar. DANIEL ASOREY 50
RkJQdWJsaXNoZXIy